¿Quen non xime?
Luz e progreso en todas partes...pero
as dudas nos corazós,
e bágoas qu' un non sabe porque corren,
e dores qu' un non sabe por que son.
Outro cantar, din cansados
deste estribillo os que chegando van
nunha nova fornada, e qu' andan cegos
buscando o qu' inda non hai.
¡Reprobos!, sempre ó oculto preguntando,
que, mudo, nada vos di.
Buscade a fe, que se perdeu na duda,
e deixade de xemir
Mais eles tamén perdidos
por unha i outra senda van e vén,
sin que sepan ¡coitados! por ond' andan,
sin paz, sin rumbo e sin fe.
Trist' é o cantar que cantamos
mais ¿que facer s' outro mellor non hai?
Moita luz deslumbra os ollos,
causa inquietude o moito desexar.
Cand' unha peste arrebata
homes tras homes, n' hai máis
qu' enterrar de présa ós mortos,
baixa-la frente, e esperar
que pasen as correntes apestadas...
¡que pasen... qu' outras vendrán!
Rosalía de Castro. Follas Novas
Este poema está moi ben musicado por Amancio Prada en Rosalía de Castro(1975) e en Rosas a Rosalía(1997) dou fe.
chuzame -